A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" do Plan Revitaliza da Deputación comezará a esta semana a súa formación co curso de mestres composteiros da Universidade de Vigo. O luns pola tarde realizarase o acto público de inicio de curso e benvida ao alumnado que superou as primeiras probas de acceso nas instalacións de Príncipe Felipe, onde se celebrarán as clases prácticas e teóricas e os exames do novo persoal.
O proceso de selección de mestres composteiros para xestionar os centros de compostaxe comunitaria iniciouse cun exercicio tipo test sobre residuos orgánicos de orixe doméstica e a organización e funcionamento de concellos e deputacións, e cunha segunda proba consistente nunha entrevista persoal obrigatoria pero non eliminatoria. A superación do "Curso de Formación de Maestría en Compostaxe" organizado pola Universidade de Vigo será o que permitirá aos aspirantes formar parte da bolsa de emprego para o plan provincial de compostaxe.
A previsión provincial é realizar os contratos en prácticas a partir do mes de xuño, tendo unha duración dun ano prorrogable a outro ata un máximo de dous exercicios, cunha retribución no primeiro ano do 60% do salario do grupo C1 da Deputación (1.092,77 euros/mes brutos) e do 75% o segundo (1.365,96 euros/mes brutos).
Unha das novidades desta edición da "Facultade da Compostaxe" é que as persoas aspirantes teñen o título de Formación Profesional de grao superior como persoal técnico en Xestión Forestal e do Medio Natural, Paisaxismo e Medio Rural, Laboratorio de Análises e Control de Calidade, Educación e Control Ambiental, Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, ou Química Ambiental, sendo requisito que non transcorresen máis de cinco anos dende a terminación dos estudos.
Relacionadas:
-
Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Campo Lameiro estrea o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
Mosquera asegura que "dentro de pouco" todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe
Por Redacción |
-
Portas estrea o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Valdecorvos estrea composteiros comunitarios: "As cunchas de mexillón tamén compostan?"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Deputación selecciona persoal para unha bolsa de emprego de mestres composteiros
Por Redacción |