Queremos Galego pedirá "liberdade, igualdade e xustiza para o galego" cunha manifestación en Pontevedra
Por Redacción
"Máis que nunca, Queremos Galego". Baixo ese lema a plataforma cidadán Queremos Galego mobilizarase nas rúas de Pontevedra en defensa do idioma.
Farao coincidindo co Día das Letras Galegas, o vindeiro venres 17 de maio, dentro dunha xornada na que se convocaron manifestacións en varias localidades.
A de Pontevedra terá lugar ás 12:00 horas na Praza da Peregrina para esixir "liberdade, igualdade e xustiza para o galego", asegura o colectivo.
O manifesto das protestas, que será lido na Boa Vila polo divulgador e creador Javier Balea, defende que "a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre".
Queremos Galego asegura que o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos de idade non sabe falar galego, unha situación que se debe entre outras cousas a que "o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación".