Comisións Obreiras denuncia a "ineficacia" da regulación do rexistro de xornada
Por Oskar Viéitez
O Real Decreto-Lei 8/2019, que regula o rexistro individual da xornada de traballo, "acábase de mostrar como ineficaz para os fins que pretende perseguir", segundo denuncia o secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa.
Ao longo da xornada do luns neste sindicato recibiron numerosas consultas de delegados de persoal ou de traballadores, nas que fundamentalmente lles fixeron chegar que na súa empresa non se implantou o rexistro de xornada, ou ben, na maioría das que se implantou ordénase polo empresario que rexistren a xornada legal e non o exceso de xornada, e que quen rexistre o exceso de xornada que se "ateña ás consecuencias".
José Luis García Pedrosa cre que esta non vai solucionar "en absoluto" o exceso de xornada que se realiza habitualmente en "moitísimas" empresas sen ningunha retribución.
Apunta que o Decreto confía na negociación colectiva para o control do rexistro de xornada, "pero deixa desprotexidos aos traballadores que carecen de representación sindical e tamén ás pequenas empresas con representación".
Por tanto, conclúe Comisións Obreiras que "ata o momento" o Decreto 8/2019, é "pouco máis que unha medida de propaganda de aparente preocupación polos abusos de xornada non retribuída", por iso advirten ao Goberno que se "de verdade", quere impedir esta situación ten que "volver lexislar medidas que sexan realmente eficaces, e acompañalas dunha campaña xeneralizada de control por parte da Inspección de Traballo".
"De que serve que as empresas teñan que gardar durante catro anos os rexistros da xornada, se os datos deses rexistros son falsos?", conclúe José Luis García Pedrosa.