Mosquera asegura que "dentro de pouco" todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe
Por Redacción
"Dentro de pouco todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe". Así o manifestou este luns o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nun faladoiro sobre no que explicou o proxecto do Concello de Pontevedra para compostar os seus biorresiduos e o Plan Revitaliza que a Deputación está a implantar na provincia.
Mosquera destacou que a compostaxe "é imparable" e que Pontevedra se está a consolidar como unha referencia a seguir por outras administracións, incluíndo o propio Ministerio de Transición Ecolóxica, ou administracións catalanas, navarras e do País Vasco "que eran punteiras ata hai poucos anos, pero que agora teñen a súa vista posta en Pontevedra" polo seu avance na compostaxe comunitaria "e por como se aborda a xestión do lixo dende un enfoque poliédrico, tocando aspectos técnico-formativos, sociais e comunicativos".
O vicepresidente lembrou que o Revitaliza e o plan "Pontevedra composta" naceron como un proxecto voluntario, mais subliñou que a nova normativa europea e española en materia de residuos está a facer de ambos plans unha "ferramenta indispensable para poder cumprir cos obxectivos". Hai que lembrar, de feito, que as directivas europeas sinalan que no 2020 será obrigatorio recoller e tratar de maneira separada o 100% dos biorresiduos municipais (restos de comida e vexetais) e preparar para reciclar alomenos o 50% da bolsa do lixo.
"Poucas cidades do Estado están preparadas para cumprir estes obxectivos. Nós imos adiantados, temos un modelo claro", sinalou, destacando tamén a implicación da cidadanía que a día de hoxe está a colaborar de maneira "moi significativa" tanto na posta en marcha dos centros de compostaxe comunitaria como no uso de composteiros individuais no caso de vivendas con horta.
Neste sentido subliñou que xa están instalados na provincia 116 centros de compostaxe comunitaria en 30 municipios, sendo o de Pontevedra onde máis composteiros hai, e onde se están a repartir máis de 8.000 composteiros individuais, distribución que comezou pola parroquia de Tomeza.
Relacionadas:
-
Pontevedra inicia o reparto de 8.000 composteiros polas parroquias
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ao Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Campo Lameiro estrea o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción |