Un cambio de avogado obriga a suspender un xuízo por estafa inmobiliaria na Audiencia de Pontevedra
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu este martes suspender un xuízo que sentaba no banco a tres acusados de adquirir terreos en Brasil e propoñerlle a unha promotora inmobiliaria de Pontevedra desenvolver neles un proxecto de construción dun complexo turístico que non chegou a executarse.
O motivo da suspensión foi un cambio de avogado. Un dos tres acusados nomeou a un novo letrado que non tivera tempo a preparar o xuízo, de modo que, para garantir o seu dereito á lexítima defensa, optouse por aprazar a vista oral.
A Fiscalía pide tres anos de prisión para cada un dos tres acusados, JR. L. P., R.H.B. e JR.C.E., como autores dun delito de estafa agravado pola súa especial gravidade, pois sostén que fixeron súas as cantidades achegadas pola promotora e que non levaron a cabo "nin unha soa actuación dirixida á realización do proxecto".
Os feitos ocorreron a partir do ano 2008 e, segundo a Fiscalía, R.H.B. quedou con 40.000 euros; JR.L.P. fixo seus un total de 40.000; e JM.E.C. fíxose cun total de 72.000 euros, todo diñeiro que non lles correspondía. Á vista destes feitos, o fiscal tamén esixe que abonen á empresa afectada unha indemnización de 157.000 euros.