A veciñanza da Illa de Ons reivindica ante a Xunta o seu dereito a acceder libremente ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez
Este mércores estaba previsto o desprazamento de arredor de 300 persoas ata Santiago para concentrarse diante do Pazo de Congresos, preto da sede da Consellería de Medio ambiente onde o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e os voceiros dos grupos municipais tiñan prevista unha reuniron coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo. O motivo desta concentración era reivindicar o dereito da veciñanza da Illa de Ons a acceder libremente ás súas vivendas.
Sen embargo, a directora xeral de Patrimonio Natural decidiu aprazar a reunión co alcalde de Bueu pola "politización" ao considerar que "está a facer un uso partidista desta cuestión en plena campaña electoral".
Do Campo recorda que o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo Terrestre, ao que pertence a Illa de Ons, xa establece a posibilidade de acceso dos veciños, polo que "o que se está a analizar é a extensión aos seus familiares en función dos informes técnicos sobre a capacidade de carga deste espazo natural".
A Xunta manifesta o seu desexo de "calmar esta polémica innecesaria" para que a candidatura de Patrimonio da Humanidade do Parque Nacional das Illas Atlánticas non se vexa afectada.
APOIO UNÁNIME Á VECIÑANZA
A corporación local de Bueu aprobou na sesión plenaria celebrada o pasado 6 de maio unha declaración institucional de apoio á veciñanza da Illa de Ons, para reivindicar o seu libre acceso á Illa. Na moción, aprobada por unanimidade tras ser consensuada nunha Xunta de Voceiros e nunha reunión coa veciñanza, acordouse esixir á Xunta de Galicia o recoñecemento dos veciños de Ons e o seu círculo e entorno familiar como elementos fundamentais de Ons, comprometéndose a garantir o exercicio dos seus dereitos, entre os que está o libre acceso á Illa, tal e como foi sempre.
Ademais, o segundo punto instaba á creación e convocatoria dunha comisión mixta na que se consensúen as principais decisións sobre a Illa de Ons, e na que estea representada a veciñanza, o Concello e a Xunta de Galicia.
Félix Juncal, alcalde da vila, declarou que "é a Xunta de Galicia a que ten que resolver o problema que ela creou" en referencia ás restricións no acceso impostas ao entorno e círculo familiar da veciñanza.
Así, nos antecedentes da proposta aprobada no pleno, lémbrase que fai unhas semanas a veciñanza recibiu unha comunicación postal na que se anunciaba a limitación do acceso, podendo acceder ás vivendas "os ascendentes e descendentes (dende tataravó a tataraneto) do titular da concesión", deixando fóra aos irmáns, sobriños e demais entorno familiar, o que se trata "dunha decisión arbitraria e limitativa, e que non se recolle no PRUX".
A cancelación da reunión e considerada polo Concello de Bueu como unha "falta de lealdade e de xustiza". Deste xeito, o alcalde reclamou á veciñanza firmeza e determinación ao ter lexitimidade de reclamar que se lles escoite e chegar ata o final, "conscientes de que se nos mantemos unidos, gañaremos".
Os voceiros acordaron reunirse de novo ca veciñanza o vindeiro 20 de maio, ás 18.30 horas no Centro Social do Mar.
Relacionadas:
-
Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa
Por Redacción |
-
Galicia, "absolutamente obsesionada" con que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade
Por Alejandro Espiño |
-
Os concesionarios de Ons deberán concretar o número de familiares aos que queren estender o acceso á illa
Por Redacción |
-
Retiran de Ons mil quilos da planta invasora coñecida como "margarita africana"
Por Redacción |
-
Todos os partidos políticos de Bueu secundan unha moción para reivindicar o libre acceso da veciñanza á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Bueu reclama que o cupo de visitantes a Ons non se aplique a residentes e as súas familias
Por Redacción |