Afunde o teito do depósito municipal de augas de Poio
Por Redacción
O deterioro das instalacións do depósito municipal de augas de Poio provocou un incidente que, por fortuna, só produciu danos materiais. O teito das instalacións afundiu este mércores, segundo denunciaron os veciños de Boavista.
No suceso non resultou ferida ningunha persoa e a zona quedou acordoada para evitar que alguén poida achegarse ao depósito.
Os veciños recordan que é habitual que haxa nenos xogando polas inmediacións do depósito, xa que preto del hai un parque infantil, polo que reclaman que se solucionen estas deficiencias.
A este respecto, reclaman que ante o perigo de que se produzan máis afundimentos se faga un novo depósito ben cercado e seguro para toda a veciñanza. Ademais tamén solicitan a reposición do servizo de auga de inmediato para todas as vivendas afectadas.