Detectan un condutor portugués con mil quilos de ameixa clandestina no Grove
Por Redacción
A Garda Civil interceptou este mércores un condutor de nacionalidade portuguesa que circulaba con preto de mil quilos de ameixa nun coche que saía do Grove. O valor do marisco no mercado superaría os 11.000 euros.
A intervención produciuse ao mediodía deste mércores no transcurso dun control de seguridade cidadá que efectivos da Garda Civil do Grove, Sanxenxo e Vilagaría estableceran na rotonda de San Vicente do Grove. Había implicados axentes das patrullas de Fiscal/Fronteiras e Seprona.
Os axentes déronlle o alto a unha furgoneta con placas de matrícula portuguesa que transportaba marisco. Ao inspeccionar o vehículo e a súa carga, púidose comprobar que levaba preto de 1.800 quilos de ameixa de distintos tipos, deles 918 quilos de ameixa xapónica circulaban indocumentados, por carecer da preceptiva guía sanitaria de orixe.
Unha vez constatado que os feitos constituían unha infracción administrativa á vixente Lei de Pesca de Galicia, os axentes do Seprona fixéronse cargo da ameixa ilegal. Pediuse a colaboración dos efectivos do servizo de Gardapesca da Xunta de Galicia con base en Vilaxoan e procederon á súa pesada definitiva na lonxa do Grove, para a súa posterior entrega á empresa destinataria, situada na mesma localidade, que será a responsable de acreditar documentalmente a súa destrución.
Tanto o condutor da furgoneta como o responsable da empresa destinataria do marisco que circulaba indocumentado serán denunciados ante a Consellería do Mar da Xunta de Galicia por infrinxir a vixente Lei de Pesca de Galicia.