Non haberá polbo galego fresco ata o 1 de xullo
Por Redacción
Ata o próximo 1 de xullo, o polbo estará en veda en Galicia. Así o especifica o plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2019/2020. Deste xeito queda expresamente prohibida a súa captura, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo.
As embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
As capturas desembarcadas este 17 de maio, último día de actividade, poderán ser comercializadas tamén o 18 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental da especie, co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
Segundo o acordo alcanzado co sector, o polbo poderá volver a capturarse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Durante ese tempo a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día.
No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos por día.
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05:00 horas- e finalizará ás 16:00 horas. Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16:00 horas do venres ata as 06:00 horas do luns.
O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.
Durante o ano 2018 comercializáronse nas lonxas galegas máis de 4.400 toneladas de cefalópodos, cunha facturación de preto de 30 millóns de euros. Desas vendas, 1.900 toneladas e 18 millóns de euros corresponderon só ao polbo, que marcou o seu mellor prezo medio da serie histórica, que se remonta a 2001, con 9,73 euros o quilo.