Un policía local encañona un condutor temerario á fuga
Por Oskar Viéitez
Os cidadáns que este mércores transitaban pola zona de Cidade de Pedra atopáronse cunha inusual escena, un axente da Policía Local de Pontevedra encañonando o condutor dun Seat León de cor vermella.
Segundo explicaron desde a Xefatura da Policía Local, o axente viuse obrigado a sacar a súa arma regulamentaria despois de bloquear o paso a este condutor que ía bébedo e que se deu á fuga conducindo de maneira temeraria para fuxir dos policías que lle daban o alto.
Cando conseguiron parar o vehículo, o condutor fixo un xesto estraño e en lugar de poñer as mans á vista do axente virouse para buscar algo. Foi entón cando o municipal sacou a súa pistola regulamentaria de maneira preventiva. Tras seguir as instrucións do axente este gardou a súa arma.
Todo empezou cando o condutor do Seat León empezou a hostigar aos vehículos que estaban atascados na glorieta de Eduardo Pondal facendo soar o claxon repetidamente. Esta actitude chamou a atención dunha patrulla que circulaba pola zona que activou nese momento as sirenas. Foi entón cando o condutor iniciou unha perigosa fuxida circulando a gran velocidade, de forma brusca, e mesmo en dirección contraria polas rúas Doce de Novembro; Camiño de Ferro e Eduardo Pondal, entre outras.
O colapso no tráfico permitiu que os policías lle desen alcance.
O condutor deu positivo en alcol por encima dos 0,65 miligramos por litro de aire expirado, polo que será investigado por un delito contra a seguridade viaria e tamén se lle impuxo unha sanción administrativa por condución temeraria.