Detido con 1.500 doses de cocaína nun control de estrada en Vilaboa
Por Redacción
Ata 1.500 doses de cocaína. É a enorme cantidade de droga que a Garda Civil achou en posesión de home de 39 anos, veciño de Vigo, ao que pararon durante un control de vehículos que se estaba realizando en Vilaboa.
Segundo informou o instituto armado, a detención produciuse o pasado mércores á unha da tarde no punto quilométrico 2.7 da estrada N-554, entre Vilaboa e Rande.
Os axentes, ao proceder ao rexistro do Audio A-4 que pararan, comprobaron que o condutor se atopaba nun evidente estado de excitación e negábase a colaborar nos requirimentos que se lle facían.
Aos poucos a actitude desta persoa volveuse máis violenta e tentou darse á fuga cando un dos axentes detectou que escondera un envoltorio entre a súa roupa interior.
Tras ser detido e esposado, a Garda Civil achou entre a súa roupa dúas bolsas de plástico que contiñan a droga.
O home, xunto coa droga incautada, foi posto ao dispor do xulgado de instrución número 1 de Cangas, que decretou a súa liberdade provisoria con cargos por un delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes.