Comeza o prazo de inscripción para participar na XIV Feira Franca: Non o deixes para o último día!
Por Alejandro Espiño
A XIV edición da Feira Franca, que terá lugar os días 6 e 7 de setembro, será a primeira que se celebre baixo a denominación de Festa de Interese Turístico de Galicia. E con ese selo de calidade, o Consello da Feira Franca está decidido a que, máis que nunca, non falte nin o máis mínimo detalle. E con ese obxectivo en mente, comezan os preparativos. Non hai tempo que perder para que Pontevedra volva recrear os seus anos de esplendor medieval.
A oficina da Feira Franca situada na rúa Afonso XIII, no antigo Conservatorio de Música de Pontevedra, acepta a partir deste luns, as solicitudes de participación en ceas, xantares, mercado e hostalería da presente edición. En horario de 10.00 a 14.00 horas, os cidadáns poderán inscribirse ata a finalización do prazo o día 17 de xullo.
Haberá que darse presa porque a pesar das numerosas solicitudes para que se amplíe o espazo autorizado para a festa, os seus organizadores decidiron non estender as comidas e ceas na rúa a outras zonas da cidade "para non devaluar a calidade da festa e a participación da xente", sinala a concelleira de Festas, Carme da Silva.
As normas ligadas ás solicitudes poden ser consultadas no enderezo electrónico feirafranca.info. Nesta edición mantense as mesmas normas que en anos anteriores, entre elas, a obrigatoriedade de decorar e ambientar os postos acorde co espírito de recreación histórica que caracteriza á Feira Franca ou que os participantes han de disfrazarse con traxes adecuados á época histórica da festa.
No caso da hostalería e dos mercadiños, ademais de cumprir cos criterios de ambientación, terán que estar abertos, como mínimo entre as 11.00 e as 22.00 horas, terán que ofertar produtos gastronómicos e artesanais acordes coa época histórica da festa, a súa música e animación deberán ter unha temática exclusivamente medieval e verán ampliadas as medidas de seguridade para evitar que se produzan accidentes indesexables.
Desde o Consello da Feira Franca recordan que a temática elixida este ano para a festa son os inventos, polo que agradecen que na ambientación de particulares e hostaleiros fágase algún tipo de referencia a esta cuestión. Recordan que naquela época, especialmente no caso de Galicia e de Pontevedra, en concreto, existían moitos relacionados coa mellora dos sistemas de navegación.
A Feira Franca, que naceu no ano 2000 como forma de recuperar a memoria dun dos tempos de maior puxanza e prosperidade da cidade e para que os cidadáns se implicaran na dinamización do Centro Histórico, baséase no privilexio concedido polo rei Henrique IV en 1467, polo cal autorizábase a celebración dun mercado libre de impostos durante un mes, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomeu.