Queremos Galego pide en Pontevedra "liberdade, igualdade e xustiza" para o galego
Por Alejandro Espiño
Unhas duascentas persoas participaron este 17 de maio, Día das Letras Galegas, na concentración que, ao igual que por todo o país, organizou a plataforma Queremos galego para esixir "liberdade, igualdade e xustiza" para o galego.
Os participantes, que se reuniron na Praza da Peregrina ao mediodía, reclamaron que o galego é "garantía de futuro" e reivindicaron o uso do noso idioma en todos os ámbitos da vida.
"A situación do galego é crítica pero non é irreversible", recordou o manifesto que se escoitou este mediodía nas principais vilas e cidades de Galicia.
Entenden que esta tendencia debe comezar por recoñecer o dereito a ser lingua "visible, audible e practicable sempre" e que poida "respirar libremente" en todos os espazos.
Queremos Galego recorda que o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego, existen límites "de todo tipo" para empregalo con normalidade, o goberno galego "actúa en contra" da lingua en ámbitos "decisivos" como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación e hai unha "nova ofensiva xudicial e política" contra o galego.
"Máis que nunca, queremos galego porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posible, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia", concluíu o manifesto.