Medio Ambiente analiza expedir carnés de guías autorizados polo Parque Nacional das Illas Atlánticas
Por Redacción
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo con membros da Asociación de guías acreditados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Agaias), aos que trasladou o compromiso de "analizar a expedición de carnés" nos que se recoñeza a condición de guía autorizado do Parque Nacional. Esta é unha das demandas do colectivo, que denuncian a situación de competencia desleal e intrusismo laboral.
A directora xeral recordou que o Plan Director da Rede de Parques Nacionais indica a necesidade de superar un curso de formación para poder exercer como guía autorizado no Parque.
Salientou que a Xunta quere buscar neste tipo de turismo "respectuoso e sustentable" un "aliado" para a conservación e a divulgación de todos eses elementos que converten ás Illas Atlánticas na "maior xoia natural da Comunidade".
Nese sentido, indicou que o carné identificador é unha "boa maneira" de ter un "punto diferenciador" con todas as persoas que exercen o labor de guía no Parque Nacional, ao tempo que resulta unha "ferramenta útil" para ter un "seguimento" de guías formados e que realizan este traballo no sector público e privado.
No encontro tamén asumiron o compromiso de intercambiar información sobre os distintos cursos e actividades divulgativas que realiza o Parque, co fin de que os guías trasladen esta información aos participantes nas visitas guiadas.