Esta semana remata a reforma de Benito Corbal co asfaltado da rúa
Por Redacción
A reforma de Benito Corbal chega ao seu fin. Esta semana está previsto o seu remate co asfaltado de toda a rúa (dende Cobián Areal até Sagasta) que se fará de martes a xoves, ambos días incluídos. No caso de acabar antes, abrirase a rúa totalmente ao tráfico.
O martes, 21 de maio, está previsto que a empresa adxudicataria da reforma, E.C.Casas traballe no espazo que está actualmente pechado ao tráfico (Blanco Porto-Cobián Areal) fresando toda a superficie.
Será a partir das 11.00 da mañá cando se realicen as modificacións de tráfico para poder traballar en toda a rúa, deixando libre o cruzamento de Blanco Porto con Benito Corbal para deixar a entrada ao centro dende San Antoniño e Javier Puig. O acceso farase por Blanco Porto, Cruz Gallástegui e Sagasta, se se quere continuar cara Barcelos.
A restricción de estacionamento será en toda a rúa a partir das 08.00 horas do martes. A reforma da rúa Benito Corbal, adxudicada a E.C.Casas por 147.587,89 euros e un prazo de catro meses, comezou o pasado 14 de xaneiro, coincindo co final das festas de Nadal e arrancado o período de rebaixas, e remata en prazo atendendo ás necesidades técnicas.
Este proxecto pretendía afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial, reducindo o espazo para o vehículo privado que quedou confinado nun carril en toda a vía e o resto destinado para os peóns.
As beirarrúas incrementaron a súa sección a máis de 4 metros de ancho (non se demoleron as antigas, só se ampliaron) e a calzada pasou a ser de 3,20 metros. O estacionamento quedou na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.
O cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade.