A Festa da Troita 2019 chega ao remate con 3.000 kg. de peixe consumido
Por Redacción
Este domingo finalizaba a 53ª edición da Festa da Troita, que se veu desenvolvendo ao longo do último mes. Durante esta xornada volveu rexistrarse unha masiva afluencia de visitantes á Alameda de Ponte Caldelas.
Segundo o Concello consumíronse 3.000 quilogramos de troita e o municipio recibiu a miles de persoas durante estas datas con motivo do evento gastronómico. Este domingo desenvolvíase a programación cultural co festival folclórico a cargo dos grupos de gaitas dos Coribantes e Catro Ventos.
Por cuarto ano consecutivo tamén levaba a cabo durante as últimas semanas a Festa da Troita polo rural da vila, con 27 paradas en case todos os puntos de poboación do municipio.
O Concello entregou os premios aos gañadores do concurso de pesca, que contou cunha elevada participación e coa captura de 70 exemplares. A de maior tamaño pesaba 780 gramos e medía 41,5 centímetros.
O gañador absoluto do concurso foi José Luis Esperón, do club Verdeseixo. En equipos gañaron tamén os integrantes do club local de Verdeseixo, seguido por ADN Rivadavia, que conta con Roi López, gañador do trofeo pola maior captura.