O Concello promete unha iluminación "digna" e sen "despilfarros" no próximo Nadal
Por Alejandro Espiño
Unha iluminación "digna" e sen "despilfarros". Así será, segundo avanzou o goberno municipal, a iluminación do próximo Nadal. O Concello iniciou o proceso para contratar á empresa que encherá de luces a cidade.
En concreto, Pontevedra destinará 115.000 euros á iluminación do Nadal. Trátase dunha cantidade similar á do pasado ano. Entón, lembrou o portavoz municipal, Raimundo González, logrouse mellorar "substancialmente" a iluminación de todo o municipio e foi, lembrou, " ben acollido" polos cidadáns.
Este contrato é un dos tres lotes que o Concello decidiu sacar a licitación de maneira conxunta.
Ademais das luces para o Nadal de 2019 tamén se contratará a iluminación das Festas da Peregrina dos dous próximos anos -2019 e 2020- e do Entroido 2020.
Para os festexos patronais destinaranse 40.000 euros cada ano e para o entroido o investimento na iluminación será duns 20.000 euros.
As empresas interesadas en adxudicarse estes tres contratos terán quince días para presentar as súas ofertas ante a administración municipal.
OUTROS ACORDOS
A Xunta de Goberno, entre outras cuestións, tamén aprobou o convenio coa Deputación para a iluminación de catro pontes da cidade, proxecto que está valorado en 440.055 euros. Ademais, tamén se acordou sacar a licitación obras de reforma urbana na rúa Eirado de Alvar Páez, onde con cargo á ARI do centro histórico, investiranse 181.500 euros.
Relacionadas:
-
Catro árbores, dúas bólas xigantes e "máis luces": así será a iluminación do Nadal da Boa Vila
Por Diego Espiño |
-
O Nadal faise xa visible en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello contrata unha empresa de Puente Genil para a iluminación do vindeiro Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra estrea iluminación para este Nadal entre paraugas
Por Redacción |