Actividades, obradoiros e ata un 'escape room' en Ponte Verán 2019
Por Diego Espiño
Natureza, xogos, tecnoloxía e formación serán os eixos dunha nova edición do programa Ponte Verán, dirixido á mocidade.
A iniciativa municipal desenvolverase durante os meses de xullo e agosto cun total de 450 prazas, todas elas de inscrición gratuíta (70 a través dos servizos sociais do Concello), en diferentes actividades e obradoiros, con novidades como un xogo de 'escape room' que se celebrará no Local de Música.
Segundo a actividade, o público obxectivo sitúase entre os 8 e vos 35 anos, con prioridade para as persoas censadas no municipio pero tamén abertas a veciños doutras localidades.
"Buscamos ofrecer un verán diferente", sinalou na presentación de Ponte Verán o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, quen sinalou que as inscricións se abrirán progresivamente a partir do 1 de xuño a través da plataforma http://apuntate.pontevedra.gal.
Cun orzamento total que rolda os 10.000 euros, a programación de Ponte Verán 2019 ofrece:
- Natureza:
- Aula de natureza e interpretación.
- Roteiro etnográfico e ambiental polo río Almofrei.
- Roteiro polo Gafos para ver avelaíñas e outros insectos.
- Noite europea dos morcegos.
- Xogos:
- Escape room.
- Xornada de orientación deportiva urbana.
- Tecnoloxía:
- Obradoiro de impresión 3D.
- Obradoiro de robótica.
- Campamento Music-Lab.
- Obradoiro de holografía e realidade virtual.
- Obradoiro de programación informática.
- Obradoiro de creación de aplicacións para móbiles.
- Formación:
- Curso de produción de eventos musicais.
- Curso de mediación en prevención de condutas adictivas.
- Informática: Google, algo máis que un buscador.
- Informática: Presentacións off e online.
- Informática: Seguridade na rede.