A Deputación, medalla de bronce das institucións provinciais do Estado en facilitar trámites á cidadanía
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra xestionou entre xaneiro e abril a transmisión de 21.279 datos e documentos fronte aos 5.239 que se xeraron en 2018. A cifra supón unha porcentaxe de 306% máis en tramitacións, cun aforro á cidadanía de 100.000 euros.
A presidenta provincial Carmela Silva presumía este luns destes datos e sinalaba que cando chegou o bipartito PSOE-BNG ao goberno, a Deputación era unha administración "doutro século". Mostrouse satisfeita de poñer en marcha toda unha revolución tecnolóxica.
Estes datos ven agora referendados pola Secretaría Xeral de Administración Dixital do Goberno de España, que certifica que a Deputación de Pontevedra é a terceira institución provincial de todo o Estado que máis facilita os trámites á cidadanía e, por tanto, que máis gastos de tempo e diñeiro aforra aos administrados grazas aos procedementos electrónicos.
Pontevedra sitúase detrás da Deputación de Barcelona e da foral de Bizkaia, que contan con máis medios e orzamento económico, apuntou a presidenta da institución provincial, que explicou que é a propia administración a que se encarga de buscar determinados documentos mediante o cruzamento de datos con outras administracións electrónicas.