Máis de 7.000 escolares aprenderon este curso sobre compostaxe grazas ao Plan Revitaliza
Por Redacción
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra puxo punto final ás actividades educativas sobre compostaxe deste curso coa participación de 7.000 escolares en toda a provincia.
Este martes celebrouse o colofón ao traballo realizado: o III Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe, no que se puxeron en común experiencias e proxectos seleccionados de entre todos os centros escolares da provincia que participaron na iniciativa.
A deputada Eva Vilaverde deu os parabéns ao CEIDA pola colaboración coa Deputación na divulgación sobre compostaxe nos centros de ensino de toda a provincia e pola organización do congreso. Tamén agradeceu o labor do profesorado dos centros de ensino por ser "pata fundamental dentro do sistema para conseguir unha sociedade e un futuro sustentable" e, sobre todo, aos escolares que participaron na iniciativa.
"Sodes importantísimos. Estades a funcionar de axentes socializadores da compostaxe, sodes fundamentais para concienciar á sociedade, ás vosas familias, á veciñanza e amizades. Ningún proxecto ou idea funciona se non se consigue implicación da xente, e no caso do Plan Revitaliza comezou a andar hai case catro anos e está funcionado máis rápido do que tiñamos previsto. Vós tendes unha importancia fundamental porque con estes proxectos que fixestes na escola informades e concienciades. Grazas por facelo así de ben e por tervos sumado ao tren da compostaxe", indicou a nacionalista.
Pola súa parte, a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, deu a benvida a Pontevedra a todos os nenos e agradeceu a visita que, segundo dixo, vale para que os adultos "aprendamos do que facedes".
"Vós, mozos e mozas sodes o presente, as persoas que co voso coñecemento ides empurrando de nós", destacou, asegurando que pola experiencia que hai en Pontevedra coa compostaxe "as persoas menores son as que tiran do resto para que fagan as cousas ben".
Relacionadas:
-
Aprendendo a compostar desde cativos
Por Redacción |
-
Mosquera asegura que "dentro de pouco" todas as cidades terán que facer o mesmo que Pontevedra coa compostaxe
Por Redacción |
-
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción |
-
Portas estrea o primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza
Por Redacción |