Ponte Caldelas completa as obras pendentes no núcleo urbano
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas iniciou este martes as obras de acondicionamento do tramo inicial da avenida de Vigo, as rúas de Concepción Arenal e Rosalía de Castro, así como a praza situada fronte ao colexio Cordo Boullosa.
As actuacións, que se financian coa baixa na adxudicación das obras de reurbanización da praza de España, durarán varios días.
Os traballos comezaron pola avenida de Vigo, onde se prolongará a beirarrúa de pedra, cun ancho de máis de catro metros. A continuación centraranse na reordenación das beirarrúas na esquina do colexio para encaixar a nova rotonda. A rotonda estará presidida polo Chafarís, é dicir a fonte que anteriormente estaba nos xardíns de Carballal.
As beirarrúas de Concepción Arenal e Rosalía de Castro xa foron acondicionadas antes das obras da praza de España, polo que unha vez rematados estes traballos preparatorios, procederase ao asfaltado integral e ao pintado de toda a sinalización horizontal.