Moraña comeza a mellora da seguridade na travesía de Alende
Por Redacción
Moraña vén de comezar coas obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na travesía da estrada autonómica PO-221 en Alende, na parroquia de Santa Xusta, cunha actuación centrada no estreitamento de carrís, a colocación de tres pasos elevados e nova sinalización tendente a reducir a velocidade.
Esta actuación, orzamentada en 48.000 euros e financiada pola Consellería de Infraestruturas, céntrase nun treito de 810 metros, que rexistra un tráfico de preto de 3.000 vehículos diarios e onde se ten detectado unha velocidade media moi elevada tendo en conta o gran tránsito de veciños.
Ademais, na zona existen diversos pasos de peóns, pero son pouco percibidos polos condutores, polo cal trazouse o obxectivo de reducir a velocidade dos vehículos e mellorar o balizamento e a sinalización.
CAMIÑO DAS CERDEIRAS
Por outra banda, o Concello vén de recibir confirmación da Xunta da concesión dunha subvención de 40.255 euros para financiar, ao cen por cen, a pavimentación integral do camiño de acceso ao núcleo das Cerdeiras, na parroquia de San Lourenzo, ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020.