Desmantelan unha plantación de marihuana dun furtivo nun chalé de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional desmantelaron unha importante plantación de marihuana situada no interior dun chalé de Sanxenxo. Tamén foi detido o principal responsable da plantación e dous presuntos colaboradores do mesmo.
Segundo informaron fontes oficiais da comisaría provincial de Pontevedra, neste operativo interviñeron axentes pertencentes ao grupo de tráfico medio de estupefacientes, xunto coa axuda de axentes destinados na unidade adscrita de Policía Nacional á Xunta de Galicia con sede en Pontevedra.
A investigación iniciouse o pasado mes de marzo por mor de investigacións previas sobre persoas dedicadas ao marisqueo furtivo na ría de Pontevedra e que lles permitiron pescudar que unha destas persoas podería estar a se dedicar tamén ao cultivo e posterior venda de marihuana.
Unha vez a información chegou a mans do grupo de tráfico medio da comisaría, as primeiras vixilancias establecidas ao redor das actividades dun dos furtivos, permitiron comprobar a localización dun chalé nos arredores de Sanxenxo ao que acudía habitualmente e no que supostamente estaría a se dedicar ao cultivo de marihuana.
Os axentes policiais iniciaron un dispositivo de vixilancia e seguimento sobre este furtivo e outras persoas que acudían con el ao lugar e que logrou confirmar as súas actividades ilícitas.
O xulgado de garda de Cambados autorizou a entrada e rexistro do chalé onde os policías comprobaron como gran parte das súas estancias estaban destinadas ás distintas fases do cultivo da marihuana, desde os seus estadios iniciais, pasando polas fases intermedias de crecemento e finalmente desembocando en plantas adultas cos cogollos desenvoltos e listos para colleitar e posteriormente proceder ao seu secado noutras estancias do domicilio antes de ser destinadas á súa distribución e consumo final.
A cantidade defraudada no consumo eléctrico podería ascender a varios miles de euros ao mes
Como resultado do rexistro foron intervidos máis de dez quilos de marihuana, un total de 500 plantas de diferentes tamaños así como todo tipo de utensilios para o seu cultivo, manipulación e desenvolvemento, tales como, produtos fertilizantes, básculas, equipos de iluminación, ventiladores, extractores de aire e transformadores eléctricos.
Así mesmo, no momento da práctica do rexistro, púidose tamén acreditar que o responsable da plantación estaba a cometer outra infracción penal, de defraudación do fluído eléctrico, ao montar unha instalación eléctrica totalmente ilegal, tendo conectado a subministración eléctrica directamente á rede sen pasar por ningún tipo de rexistro de consumo.
A cantidade defraudada no consumo eléctrico podería ascender a varios miles de euros ao mes, de acordo coas primeiras estimacións realizadas.
Polos feitos tramitáronse as correspondentes dilixencias policiais ao xulgado de instrución 3 de Cambados. Foron detidos tanto o principal responsable da plantación como dous colaboradores, homes, veciños de Pontevedra e arredores.
Relacionadas:
-
Axentes da Garda Civil confiscan 400 plantas de marihuana nunha vivenda de Ribadumia dedicada ao cultivo
Por Redacción |
-
A Garda Civil denuncia a seis mozos por tenencia de estupefacientes nun local de lecer en Bueu
Por Redacción |
-
Danlle o alto por conducir sen luces e descobren que vai drogado e transportando cogollos de marihuana
Por Oskar Viéitez |