A Universidade quere implantar un itinerario en galego no grao de Comunicación Audiovisual
Por Redacción
A Universidade de Vigo podería implantar a partir do vindeiro mes de setembro un itinerario co 80% dos créditos en galego no Grao en Comunicación Audiovisual, que se imparte no campus de Pontevedra.
Este foi o anuncio realizado polo reitor Manuel Reigosa aos integrantes do Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada este mércores.
O reitor lembrou que con esta iniciativa se pretende que a Xunta invista a partida contemplada no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 destinada á promoción de titulacións en galego. "O noso acordo é que unha parte a pagará a Xunta e outra será con cargo aos nosos orzamentos", puntualizou Reigosa.
GRAO EN DESEÑO E CREACIÓN
Nesta mesma sesión do Consello de Goberno, o reitor tamén avanzou que despois de que a Xunta da Facultade de Belas Artes acordase denegar o plano de estudos do Grao en Deseño e Creación, a universidade está a traballar para implantar a titulación noutro centro no curso 2020-2021.
O Grao en Deseño e Creación está concedido pola Xunta de Galicia e xa debera de estar en vías de implantación para a súa posta en marcha o vindeiro curso.
"Como equipo de goberno parécenos unha titulación de extraordinario interese e moi ben inserida no Campus CREA e buscaremos unha solución, que probablemente pase por nomear un decano ou decana comisaria para facer esta titulación dentro doutro centro", dixo o reitor, que engadiu que "parécenos unha titulación á que non podemos renunciar, que fortalecerá o campus e faremos o que sexa preciso para que se implante noutro centro".
Relacionadas:
-
A Universidade propón instalar un embarcadoiro na Xunqueira para deportes náuticos
Por Redacción |
-
A Universidade creará unha nova facultade en Pontevedra unicamente para o grao en Deseño e Creación
Por Oskar Viéitez |
-
Silvia García dimite como decana de Belas Artes
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra pelexará por introducir novas titulacións que "establezan sinerxias" coas xa existentes
Por Diego Espiño |
-
O novo mapa de titulacións universitarias inclúe o grao de Deseño e Creación no campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |