Banco Santander pechará 37 oficinas en Pontevedra
Por Redacción
Unha de cada tres oficinas en Galicia. Son as sucursais, un total de 135, que pechará o Banco Santander, segundo confirmaron os sindicatos. É o alcance que terá na comunidade o plan de axuste da compañía tras a integración entre Santander e Popular, que no seu día se fixo tamén con Banco Pastor.
Estes peches, que afectarán a 271 traballadores -o 14% do seu persoal en Galicia-, supoñerá a desaparición de 37 oficinas na rede que a entidade ten na provincia de Pontevedra. Por agora, descoñécese cantas destas sucursais están situadas na cidade de Pontevedra ou na súa área de influencia.
O Santander e os sindicatos iniciaron este xoves o período formal de negociación do ERE que a entidade ten previsto acometer, unha cita na que a dirección se comprometeu a recolocar ao 100% das persoas afectadas que queiran seguir traballando.
Os criterios de saída serán, en primeiro lugar, baixas voluntarias e, de non cumprirse os obxectivos, por menor avaliación interna ou por menor polivalencia funcional. Será de aplicación ata o 31 de decembro 2019 e podería prorrogarse ata o 31 marzo de 2020.
As próximas reunións entre o banco e os representantes dos traballadores terán lugar os martes e xoves de cada semana ata chegar a un acordo.
Segundo recolle o estatuto dos traballadores, ambas as partes contan cun período de trinta días para chegar a un acordo que regule o ERE exposto polo banco.