O Pleno de Bueu acorda incoar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
O pleno extraordinario da corporación municipal de Bueu acordou este venres incoar o expediente de contratación do Servizo de Atención no Fogar (SAF), cuxo orzamento ascende a 612.274,46 euros, sen IVE, por cada anualidade. O contrato que se propón sería de dous anos prorrogables anualmente a outros dous. Segundo salientou Félix Juncal, alcalde de Bueu, "trátase de iniciar un contrato dun servizo que nos últimos meses se atopa en condicións precarias, ao terse producido un incremento do número de persoas usuarias e de horas, e debido aos cambios no marco lexislativo".
Cos votos a favor do grupo de goberno do BNG e as abstencións da oposición, a proposta de inicio deste expediente saíu adiante, agora queda realizar toda a tramitación necesaria para que cara ao último terzo do ano se poida contar cun contrato para o servizo.
Nos últimos anos, o Servizo de Atención no Fogar (SAF) foi incrementando tanto o número de usuarios que precisan unha atención na súa vida diaria, como o número de horas. Así, no ano 2016 eran 48 as persoas atendidas, no 2017, 62, no 2018, 60 e neste ano, 69. En canto ao número de horas, pasouse das 15.750,54 do ano 2016 ás 36.282,64 actuais.
Este contrato ten unha dobre vertente: a prestación básica do sistema de servizos sociais en réxime de libre concorrencia e a prestación a persoas en situación de dependencia valorada que conten coa asignación deste servizo na correspondente resolución do programa individual de atención. Na adxudicación do contrato teranse en conta tanto criterios cuantitativos como cualitativos.
CONTEDORES PARA ACEITES DOMÉSTICOS
O casco urbano de Bueu xa conta con contedores para a recollida de aceites domésticos.
A empresa Procesadora Gallega de Alimentos comezou esta semana coa instalación destes recipientes que facilitarán o reciclado dos aceites vexetais por parte da cidadanía para garantir a correcta xestión e posterior valorización.
As zonas que contan con contedores son a contorna da Praza de Abastos, Can do Penedo, As Lagoas (xusto ao carón do composteiro comunitario), Parque Ramal dos Galos, Avda de Marín, Loureiro, Agrelo, centro de Beluso, Igrexario de Cela, praia de Beluso, Casa da Aldea de Meiro e Cabalo.
A iniciativa lévase a cabo no marco dunha colaboración entre o Concello e Recolte, e será xestionada por Procesadora Gallega de Alimentos. Segundo salientan desde a empresa, a cidadanía poderá depositar o aceite en calquera envase doméstico de plástico e directamente no colector (sen bolsas de plástico). Así mesmo, e para difundir este servizo entre a cidadanía, xa se repartiron folletos informativos polos centros educativos da vila.