Os traballos para acondicionar o parque forestal da Tomba durarán ata 2020
Por Alejandro Espiño
O parque forestal da Tomba, en Campañó, está un paso máis preto. O Concello de Pontevedra aprobou este venres sacar a contratación os traballos para acondicionar este espazo natural, no que se investirán 441.754 euros e que se realizarán de maneira progresiva durante os dous próximos anos.
Con este proxecto, o goberno municipal busca a recuperación ambiental e patrimonial deste espazo forestal e aumentar os lugares nos que os pontevedreses poidan gozar do medio natural para a realización de actividades ao aire libre.
O parque ocupará 83 hectáreas. Os terreos foron cedidos ao Concello pola comunidade de montes de Campañó por un período de trinta anos.
Nunha primeira fase, procederase á limpeza e eliminación de especies invasoras, principalmente mimosas, acacias e eucaliptos, e á preparación das pistas, sendas e camiños. A segunda fase será a de plantación das novas árbores autóctonas.
A Tomba contará con 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de castiñeiros e carballos e 15 hectáreas de bosque mixto. Contará tamén cun proxecto experimental para recuperar a produción de aceite en Galicia, para o que se plantarán tres hectáreas de oliveiras na procura de novos camiños para o aproveitamento do monte.
Ademais, haberá áreas para a práctica deportiva -con 17 quilómetros de sendas-, zonas de xogos e un miradoiro sobre Pontevedra desde o que se poderá contemplar a cidade, a ría, o monte Castrove, A Fracha ou O Acival.
OUTRAS LICITACIÓNS
A Xunta de Goberno aprobou tamén, na sesión extraordinaria celebrada este venres, o contrato para a pirotecnia das festas de Santiaguiño e a Peregrina, que ten un custo de 78.709 euros; ou o novo vestiario da Policía Local para o próximos catro anos, no que se investirán 408.000 euros.
Outros 185.000 euros serán para a empresa que, durante catro anos, se encargará da revisión e o mantemento das caldeiras dos colexios de Pontevedra; e 163.000 destinaranse ás obras para a rehabilitación de firmes na rúa Martín Raxó de Lourizán.
Relacionadas:
-
Urxen un informe a Augas de Galicia sobre como afectará o parque eólico de Acibal ao Pontillón do Castro
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
O parque forestal da Tomba estará acondicionado en decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan os traballos de creación do segundo parque forestal de Pontevedra: A Tomba
Por Redacción |
-
O parque forestal da Fracha, máis preto de facerse realidade
Por Alejandro Espiño |
-
Nove propostas para acondicionar o novo parque forestal da Tomba
Por Redacción |
-
Propoñen empregar parte da Tomba como refuxio de cabalos
Por Redacción |
-
O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño |
-
Primeira toma de contacto co futuro parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |