Estrea a maioría de idade cunha condena por un tirón a unha persoa maior
Por Natalia Puga
Un mozo pontevedrés foi condenado este venres nun xuízo rápido celebrado nos xulgados da Parda a 16 meses de prisión e o pago dunha multa de 1.000 euros. Máis aló da condena en si, o máis rechamante é o momento no que se produce, pois chega tan só dous días despois de cumprir 18 anos.
O mozo alcanzou a maioría de idade o mércores e ao día seguinte, este xoves, foi detido. Arrestouno a Policía Nacional tras haber presuntamente roubado a unha persoa maior polo método do tirón e este venres foi sometido a un xuízo rápido que acabou en condena.
A condena inclúe 16 meses de prisión, pero o mozo poderá eludila sempre que non volva delinquir no prazo de tempo estipulado polo xulgado, segundo as fontes consultadas por PontevedraViva.
O roubo polo que finalmente foi condenado produciuse na praza de As Regas, na zona de Valdecorvos. O mozo asaltou a unha señora, colleulle o bolso, zapateouna no chan e arrastrouna. Nese momento, interveu un axente da Garda Civil que estaba fóra de servizo nese momento e retívoo, de modo que non logrou escapar deste primeiro delito como maior de idade.
Inmediatamente despois, chegou ao lugar a Policía Nacional e arrestouno. Os axentes comprobaron a súa idade e tamén que se trata dun mozo que vive nun piso tutelado da Xunta de Galicia.