Deteñen en Betanzos os autores de 'furtos amorosos' en Pontevedra e Marín
Por Redacción
A Policía Nacional detivo na localidade coruñesa de Betanzos a dúas persoas como presuntos responsables de varios furtos polo método do 'abrazo amoroso" labores nas últimas semanas por toda Galicia, entre eles os rexistrados recentemente en Pontevedra e Marín con vítimas de 72, 80 e 83 anos.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, os dous detidos son un home e unha muller de nacionalidade romanesa que, tras pasar ao dispor do Xulgado de Instrución número tres de Betanzos, ingresaron en prisión. Atribúeselles delitos de roubo con violencia e pertenza a grupo criminal.
Ademais dos arrestados, os investigadores identificaron a varias persoas máis compoñentes deste grupo, localizaron dúas vivendas utilizadas por estas persoas e incautaron diversos vehículos nos que se movían dunha localidade a outra.
Coas detencións e identificacións practicadas dáse por desarticulado este grupo de delincuentes itinerantes, pero, de todos os xeitos, a investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións
A investigación iniciouse este mes de maio, cando se recibiron varias denuncias da comisión de furtos e roubos con violencia utilizando o método do 'furto amoroso' na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Marín.
Os axentes encargados da investigación comezaron a practicar as xestións oportunas co fin de esclarecer os feitos delituosos. Localizaron a dous grupos de varias persoas, que se desprazaron a Galicia a primeiros de maio e pescudaron que utilizaban dúas vivendas, unha en Betanzos e outra en Milladoiro.
Esta tipoloxía delituosa cométese por grupos itinerantes de persoas, normalmente de orixe romanesa, que se desprazan por toda a xeografía do territorio español. Actúan en parella, sendo a muller quen se achega a persoas de avanzada idade que adoitan levar de forma visible algunha xoia para, de maneira cariñosa, comezar a tocar á persoa.
Utilizan diferentes escusas para gañarse a súa confianza e entón aproveitan para abrazar á vítima e quitarlle os obxectos de valor que poida levar (xoias de ouro, reloxos de luxo, etc.) utilizando para iso a violencia se é necesario. As autoras adoitan ir acompañadas por un home que queda nas inmediacións dentro dun vehículo para dar cobertura na fuxida.
Os autores destes feitos delituosos adoitan buscar case sempre vítimas de avanzada idade, ás que, en moitas ocasións, lles custa identificar os autores ou reaccionar nese momento, o que facilita a impunidade destes grupos delituosos. Para evitar a acción policial, estes grupos adoitan desprazarse na localidades distintas daquela na que residen para cometer os furtos.