Retiran de Ons mil quilos da planta invasora coñecida como "margarita africana"
Por Redacción
A "margarita africana" ou arctotheca é unha das principais ameazas para a flora autóctona do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Esta flor, similar á que hai en Galicia, diferénciase no cor negro que ten no centro. Combatela é unha das medidas que se incluíu no programa de control de especies exóticas do parque.
Así, unha trintena de voluntarios participaron nunha xornada para erradicar esta especie. Todos eles eran estudantes dos graos de Bioloxía e de Ciencias Ambientais do campus de Ourense, alumnos de Xestión Forestal en prácticas do Centro de Formación Forestal de Lourizán e estudantes doutro centro de FP de Mondoñedo.
En total, retiráronse 1.000 quilos na illa de Ons e outros 400 quilos nas Cíes desta planta invasora, presente desde hai anos no parque.
Grazas á súa formación, directamente relacionada co coidado da natureza e a biodiversidade, os voluntarios non só realizaron labores de localización e retirada de plantas invasoras senón que aproveitaron a súa presenza nas illas para explicar aos visitantes o impacto que produce a entrada de flora e fauna foráneas sobre as especies propias das illas e os seus hábitats.
Manter activo este programa de conservación é clave desde o punto de vista medioambiental, xa que entre os seus principais obxectivos figura a eliminación de especies foráneas, sobre todo cando poñen en perigo a biodiversidade propia de cada lugar.
En todo caso, nas zonas nas que se actuou esta especie volverá saír porque as súas sementes poden permanecer activas durante varios anos, de aí a necesidade de repetir anualmente este tipo de actuacións.
Tamén en Ons houbo unha xornada de limpeza de lixo mariño na que participaron preto dun cento de voluntarios pertencentes a distintas organizacións e entidades colaboradoras.
Os traballos de recollida e caracterización de residuos centráronse nos areais de Area dos Cans, As Dornas e Melide e todos os plásticos retirados converteranse a posteriori en palés reciclados grazas á colaboración da empresa Reciclanoil.
Estas non son as únicas iniciativas de voluntariado que están en marcha nestes momentos no parque nacional. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a organización ecoloxista WWF colaboran desde mediados de maio nunha campaña co fin de obter información sobre as actividades humanas que se desenvolven nas augas do arquipélago e as poboacións de aves mariñas mergulladoras presentes na zona.
Este é o segundo ano consecutivo no que as Illas Atlánticas acollen esta actividade, na que participarán preto de 50 persoas e que ten como principal obxectivo contribuír á conservación da vida mariña neste enclave natural.
Grazas á información que se recompile durante os vindeiros meses, aumentarase o coñecemento existente sobre os usos humanos do medio mariño no Parque Nacional -pesca, actividades náuticas e recreativas, turismo ou transporte- e tamén a información dispoñible sobre as poboacións de aves mariñas e o uso que fan das augas desta zona.
Relacionadas:
-
Retiran máis de 422 quilos de residuos da praia da Lanzada
Por Redacción |
-
O Porto de Marín retirou este ano máis de 18.000 quilos de lixo mariño
Por Redacción |
-
Voluntarios contra as especies invasoras en Ons
Por Redacción |
-
O proxecto "Tutatis" pretende alimentar a illa de Ons con enerxías renovables
Por Oskar Viéitez |
-
Medio Ambiente analiza expedir carnés de guías autorizados polo Parque Nacional das Illas Atlánticas
Por Redacción |
-
A veciñanza da Illa de Ons reivindica ante a Xunta o seu dereito a acceder libremente ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez |