O PSOE denuncia ante a Xunta Electoral o reparto de folletos de Ence na xornada de reflexión

Por Redacción
A actividade dos traballadores de Ence na xornada de reflexión, na que repartiron folletos por Pontevedra explicando a situación na que se atopa a fábrica, foi denunciada ante a Xunta Electoral de Zona. Fíxoo o PSOE local, ao entender que se trata dunha acción prohibida pola lei.
Os socialistas esixiron a intervención da Xunta Electoral para que adopte as medidas "oportunas" para que se paralice esta repartición e, ademais, se impoñan as sancións que correspondan por infrinxir a normativa vixente en materia electoral.
Os traballadores centraron a súa repartición, entre outras zonas do centro urbano, na Praza de España e a Praza de Ourense.
Nos seus folletos, explican o impacto que Ence ten no emprego da comarca ou na actividade económica de sectores auxiliares como o forestal ou o transporte ou no porto de Marín. Tamén defenden que cumpre coa normativa ambiental.
Os empregados da pasteira alegan a existencia dunha sentenza do Tribunal Constitucional que avala celebrar protestas durante a xornada de reflexión sempre que a influencia do voto sexa remota nestas mobilizacións. Lembran que os folletos repartidos non piden o voto nin critican a ningún partido, senón que se limitan a informar sobre a actividade da súa compañía.