Os afectados polas preferentes do Salnés mobilizaranse ata que todos recuperen os cartos
Por Redacción
Os afectados polas preferentes da comarca do Salnés continúan co seu calendario de mobilizacións e teñen intención de non suspendelas ata que siga existindo algunha persoa prexudicada. Durante a última concentración convocada ante as dúas oficinas de Novagalicia Banco no Grove anunciaron que continuarán con ssu actos de protesta ata que todos recuperan o seu diñeiro.
A concentración, convocada pola Plataforma de afectados do Salnés, reuniu medio centenar de persoas unha trintena ante a sucursal da rúa Praza e unha vintena ás portas da situada na rúa Castelao. Durante as dúas horas que durou a protesta as dúas oficinas bancarias permaneceron pechadas.
Un dos voceiros da plataforma, José Manuel Vázquez, sinalou que entre o colectivo de afectados se está estendendo unha sensación de malestar polo funcionamento do sistema da arbitraxe posto en marcha por Novagalicia Banco e a Xunta de Galicia para facilitar os acordos entre a entidade e os afectados.
En declaracións recollidas por Europa Press cuestionou que se estea "a chamar a dedo a xente enchufada", "mesmo xente que era investidora". Aproveitou para insistir nas consecuencias que o conflito das participacións preferentes está a provocar nalgúns dos afectados: "Isto estanos a quitar o diñeiro e a saúde".
As protesta deberán interrumpirse durante a campaña electoral
A Plataforma de afectados mostra tamén o seu malestar pola comunicación que recibiron nos últimos días da Delegación do Goberno en relación coa imposibilidade de manifestarse durante a campaña electoral.
Comunicóuselle que a partir do 6 de outubro non poderán continuar coas súas protestas, pero os afectados manifestan o seu desacordo con esta prohibición, pois consideran que as súas protestas non son un acto político. "A única campaña que hai foi a que fixeron eles, roubando o diñeiro aos aforradores," sosteñen.