Os socialistas quedan a un só escano da maioría absoluta na Deputación
Por Oskar Viéitez
Carmela Silva seguirá presidindo a Deputación de Pontevedra. O Partido Socialista mantén o goberno ao quedar a un só escano da maioría absoluta tras subir de 10 a 13 deputados. Este resultado permitiría aos socialistas gobernar en solitario prescindindo do BNG, que ata agora era o seu socio.
O Partido Popular perde un representante e terá 11 deputados na nova corporación e o BNG tamén perde un escano, quedando con 3. A Marea queda sen o único deputado que tiña.
A clave destes movementos está nos resultados electorais do Concello de Vigo. No partido xudicial de Vigo os socialistas pasan de 7 a 9 deputados provinciais, o PP baixa de 3 a 2 deputados e a coalición Son Marea de Vigo tamén perde o seu deputado.
O outro deputado que gañan os socialistas procede do partido xudicial de Pontevedra, onde tiñan unha acta e agora terán dúas, á conta do BNG. Os populares manteñen os seus dous deputados.
Do mesmo xeito que hai catro anos, repítese o resultado no partido xudicial de Baixo Miño, cun deputado para PP, outro PSOE e outro para o BNG. En Vilagarcía, tambiém mantense a repartición cun deputado para o PSOE e dous para o PP. E en Condado, Deza e A Estrada, o único deputado provincial de cada partido xudicial será do PP, igual que no anterior mandato.