Emerxencias e Protección Civil de Cuntis habilitan un vehículo para prestar servizos sanitarios
Por Redacción
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil do Concello de Cuntis decidiron poñer en marcha un vehículo adaptado para a prestación de servizos sanitarios.
Este novo vehículo pronto estará á disposición do centro de saúde para mellorar a atención á veciñanza.
Trátase dunha resposta ante a problemática que teñen detectado na atención ás emerxencias sanitarias neste municipio durante o horario de atención do Centro de Saúde, xa que nalgúns servizos pérdese un tempo moi importante no desprazamento dende a súa base de orixe, que será Caldas ou A Estrada.
Co visto bó do alcalde, Manuel Campos, os responsables do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil reuníronse co Sergas e co 061 para a sinatura dun convenio que lles permitise desprazar nun vehículo aos profesionais sanitarios cando fosen requeridos ante unha urxencia fóra do centro de saúde, co que os tempos de espera ata a chegada dos profesionais se reducirá notablemente.
Nesta iniciativa colaboraron varias empresas privadas.