Ana Miranda, Francisco Millán Món e Nicolás González Casares: tres pontevedreses para o Parlamento Europeo
Por Natalia Puga
Tres pontevedreses levarán o nome de Galicia ao Parlamento Europea durante a próxima lexislatura. As eleccións europeas deste domingo deron a tres galegos un escano en Bruxelas e os tres resultaron ser da provincia pontevedresa. Francisco Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSOE) terán unha cadeira fixa, mentres que Ana Miranda Paz (BNG) rotará cos seus socios de 'Agora Repúblicas' durante o próximos cinco anos.
Nicolás González Casares é natural de Lalín, pero os outros dous eurodeputados son de Pontevedra ou as comarcas de arredores. Así, aínda que na actualidade ten o seu domicilio establecido en Aravaca, en Madrid, Francisco Millán Mon é natural da cidade de Pontevedra. Ana Miranda, pola súa banda, é natural de Cuntis e ten o seu domicilio en Vigo.
Ambos repetirán na Eurocámara, onde xa estiveron durante o último mandato, mentres que González Casares se estreará. Pola súa banda, quedarán fóra o resto de políticos galegos que optaban a un deputado, entre os que se atopaba a veciña de Pontevedra Vanesa Angustia, que se presentaba por Podemos. Tampouco entrou Lida Senra, ex eurodeputada que encabezaba a papeleta de En Marea.
O PSOE foi o partido máis votado en Galicia, con 507.690 votos, o 35,05% do total, seguido polo PP, con 431.782 apoios, o 29,81% do total. Con todo, a gran revelación da xornada electoral foi Ana Miranda, que se presentaba de catro en Agora Repúblicas e levou 171.500 papeletas, o 11,84% das emitidas, e o dobre de cinco anos antes.
Durante esta última lexislatura, Ana Miranda foi a eurodeputada galega máis activa no Europarlamento, onde destacou pa súa defensa das vítimas do accidente ferroviario do Alvia en Santiago de Compostela, do feminismo, do antifascismo ou de sectores galegos como o do 'xeito'.
Tras coñecerse os resultados, explicou que os 171.500 votos permitirán ao BNG ter máis voz" na repartición de escanos da coalición. Ela presentábase de número cinco e sacaron tres actas, pero o acordo subscrito entre BNG, EH Bildu e ERC implica que se repartirán os cinco anos en función do seu respaldo electora. En todo caso, ese resultado tamén poderá variar dependendo do futuro de Oriol Junqueras, ex vicepresidente da Generalitat que encabezaba a coalición e está pendente da súa situación xudicial.
Segundo indicou Mirnada, terá asegurada a representación durante os cinco anos, "unha parte sen escano e outra con escano", aumentado o tempo en comparación coa anterior lexislatura.
Coa súa elección, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que se garante seguir defendendo "os intereses de Galicia en Europa" e "seguir dando visibilidade á nación galega nas institucións europeas". O feito de que se duplicaron os seus apoios supón "unha aposta clara dos e das galegas por seguir tendo voz propia en Bruxelas coa nosa eurodeputada, que vai seguir dando a cara polos intereses do país pero tamén por sumar na construción doutra Europa democrática, social, solidaria e dos pobos".
Relacionadas:
-
'Podemos' irrompe nas eleccións europeas como a cuarta forza máis votada na provincia
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ana Miranda: "Cañete é un machista, espero que non sexa Comisario de Igualdade"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Queda inaugurada a carreira electoral para Europa
Por Redacción |