26M: O BNG 'controla' a cidade e o PP imponse en oito parroquias do rural

Por Alejandro Espiño
As eleccións municipais do 26M deixaron datos que, sen dúbida, terán que analizar os partidos políticos. Os pontevedreses avalaron maioritariamente o modelo urbano do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores. Os nacionalistas lograron extraordinarios resultados na cidade. Gran parte rural, con todo, optou por confiar no PP.
Das 106 mesas electorais repartidas por todo o municipio, o BNG foi a forza máis votada nun total de 84, é dicir, no 80% delas.
O núcleo urbano foi o auténtico bastión de Lores. Chegou a superar o 50% dos votos no barrio do Gorgullón, no ámbito do instituto Torrente Ballester e quedou moi preto no Álvarez Limeses.
Pola súa banda, pasa o 40% nas mesas situadas no Froebel, Teatro Principal, Casa da Luz, San Roque, Pontevedra Leste, Recinto Feiral, Campolongo, Frei Martín Sarmiento, Vidal Portela ou o albergue de peregrinos.
No rural, o BNG segue arrasando na Canicouva, onde logra o 83% dos votos; e tamén se impón en Salcedo, Marcón, Tomeza ou Ponte Sampaio.
O PP de Rafa Domínguez, pola súa banda, é a forza política máis votada nunha vintena de mesas electorais do municipio, aínda que no seu caso a tendencia é inversa á dos nacionalistas.
Os mellores resultados dos populares prodúcense fundamentalmente nas parroquias do rural. Oito delas votaron maioritariamente por Domínguez. Trátase de Bora, Alba, Campañó, Cerponzóns, Lérez, Verducido, San Andrés de Xeve e Lourizán.
Na cidade, mentres tanto, o PP imponse unicamente en cinco mesas, dúas delas en Monte Porreiro, unha na Seca, outra no instituto Valle Inclán e unha última en Campolongo.
Monte Porreiro, onde o BNG queda nun 30% dos votos, é o ámbito onde os socialistas de Tino Fernández logran os seus mellores resultados, superando o 20% dos apoios recibidos nestas eleccións. Tamén alcanzan esa barreira en catro parroquias rurais: Marcón, Verducido, Xeve e Ponte Sampaio.
Relacionadas:
-
O PP provincial ve nos resultados das municipais o "fin do ciclo" de Lores como alcalde de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tino Fernández, aberto a dialogar co BNG en Pontevedra: "Todo o mundo quere aos socialistas no Concello"
Por Natalia Puga |
-
O BNG manterá unha "posición aberta" para posibles pactos "sen descartar" gobernar en solitario
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez indica que o PP deu un paso "importante" para acadar a alcaldía dentro de catro anos
Por Anxo Lourido |
-
Así queda a próxima corporación municipal de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG perde un edil en Pontevedra, o PP sobe a nove e o PSOE a catro; Marea queda fóra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada