O goberno local desbloquea a remodelación de todo o ámbito de San Cibrán
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra desbloqueou unha actuación que estaba pendente na parroquia de Tomeza con diñeiro procedente dos fondos europeos DUSI.
Segundo informou en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Raimundo González, o Concello vén de aceptar a cesión dunha parcela que é propiedade da comunidade de montes, o que permitirá seguir avanzando na tramitación.
Este espazo localizado en San Cibrán ten unha superficie de 5.790 metros cadrados e cédese por un período de 30 anos prorrogables por outros 30 máis para poder levar a cabo esta actuación.
O proxecto pretende conectar peonilmente unha serie de camiños na parroquia de Tomeza e mesmo construír unha zona de lecer cun miradoiro na parte alta da parcela, desde o que se poderá ver boa parte do val de Tomeza.
Raimundo González espera que "pronto" se poida sacar a licitación este proxecto.