Agárdanse máis de 3.000 persoas na XIII Feira de Cuspedriños durante este domingo
Por Redacción
Este primeiro domingo de xuño, o municipio de Cerdedo-Cotobade celebra a décimo terceira edición da Feira de Cuspedriños en San Xurxo de Sacos. Nesta parroquia agárdase que se congreguen máis de 3.000 persoas ao redor dos antigos mercados que se instalaban neste espazo durante a época de mediados do século XX ata que desapareceron nos anos 70.
Segundo informan desde o Concello, este domingo 2 haberá unha ampla oferta comercial tradicional coa instalación de 50 postos de venda e expositores de produtos de alimentación, artesanía, agricultura, coiro, tea ou cerámica. Estes espazos estarán en puntos como o antigo mercado, a zona da carballeira de San Xusto ou na zona dos "pendellos".
Está previsto que durante dez horas celébrense actividades musicais, culturais, as representacións do Cego de Monifates e O Carro dos Soños, ademais de xogos infantís e pasarelas de traxes tradicionais de Galicia.
Ao redor da capela de Cuspedriños se establecerá unha zona ampla para a comida coa presenza da polbeira A Fuchela, procedente do Carballiño. Desde o Concello, o alcalde en funcións Jorge Cubela anima os asistentes a que acudan con vestimenta das décadas cincuenta e sesenta.
O programa é o seguinte:
10.00.- Apertura do mercado con postos de artesanía e alimentación e obradoiro de cerámica
11.00.- Inicio de actividades e xogos tradicionais infantís
12.00.- Chegada de vehículos e autobús antigo
12.30.- Actuación teatral tradicional de O Afiador
15.30.- Actuación teatral tradicional de O Afiador
16.30.- Inicio de actividades e xogos tradicionais infantís (ata as 19.00 horas)
17.30.- Pasarela de traxes tradicionais galegos na zona dos antigos alpendres
18.00- Actuación de O Carro dos Soños
19.30.- Actuación de O Cego de Monifates
20.00.- Peche da Feira