Montecelo adica unha semana ás enfermidades inflamatorias inmunomediadas
Por Redacción
O Hospital Montecelo desenvolverá unha semana adicada ás enfermidades inflamatorias inmunomediadas, un evento con ponencias multidisciplinares que terá lugar durante as tardes do martes 28 ao venres 31 de maio e que están dirixidas tanto a pacientes coma a profesionais do Sistema Sanitario.
A presentación deste martes no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez e a coordinadora desta semana, Estrella López-Pardo, que estiveron acompañados por diversos responsables do eido sanitario e membros de asociacións de pacientes.
A doutora Estrella López-Pardo subiñou que os pacientes con enfermidades inflamatorias inmunomediadas teñen "maior risco" de padecer complicacións derivadas dos efectos crónicos dunha inflamación, "ademáis dun alto grao de discapacidade".
A programación de ponencias de distinta temática que se propón nesta semana trata de profundizar na abordaxe destas enfermidades, para garantir un diagnóstico precoz e un modelo asistencial integral e de calidade.
Considéranse enfermidades inflamatorias inmunomediadas a un grupo de patoloxías que comparten unha inflamación crónica sistémica debida a unha alteración do sistema inmune que pode afectar a distintos órganos e tecidos. Entre esta doenzas destacan a espondiloartrite anquilosante, a artrite psoriásica, a enfermidade de Crohn, a colite ulcerosa, a psoriase, o lupus ou a uveíte, entre outras.
Os estudos máis recentes sobre este tipo de patoloxías revelan que sete de cada dez pacientes con enfermedades inflamatorias inmunomediadas é maior de 40 anos, sendo os pacientes dentre 61 e 80 años o grupo poboacional con maior prevalencia. Estas patoloxías afectan a un total de 2,5 millóns de persoas en España cunha maior prevalencia nas mulleres que nos homes.