Os concesionarios de Ons deberán concretar o número de familiares aos que queren estender o acceso á illa
Por Redacción
O PRUX, o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas que comezou a aplicarse desde o mes de febreiro de 2019 contempla que aquelas persoas veciñas das illas que conforman o parque, entre as que se atopa Ons, se atopan fóra do límite de visitantes diarios que se comezou a aplicar de forma obrigatoria este ano.
Segundo explican desde a Xunta de Galicia, esta excepción aplícase tamén ás persoas que realizan labores de restauración, mantemento, instalación e investigación coas autorizacións pertinentes.
Para todas as persoas concesionarias da illa de Ons, desde a Xunta se está a expedir un carné especial, persoal e intransferible que garanta o acceso libre ao arquipélago en calquera momento e con independencia dos visitantes que se atopen nese momento alí.
Este carné ampliarase a familiares, ascendentes e descendentes do titular da concesión ata cuarto grao, previa solicitude. É dicir, afectará a tataranetos e tataravós. Neste momento, segundo a consellería de Medio Ambiente encargada da tramitación das solicitudes, xa se tramitaron preto dun cento de carnés. Pola contra, os concesionarios reclaman que se poida ampliar tamén a curmás, tíos ou sobriños.
Este martes, Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural, mantiña un encontro en Pontevedra co alcalde de Bueu, Félix Juncal, con integrantes dos grupos municipais deste concello e con representantes das asociacións veciñais de Ons para atender as súas demandas e analizar os requisitos que se levarán a cabo para regular o acceso directo á illa para os familiares dos concesionarios.
A intención por parte da Xunta de Galicia é alcanzar un acordo pero a directora xeral de Patrimonio Natural tamén aclarou que calquera dereito de acceso terá que respectar os informes técnicos que establecen a capacidade máxima de persoas que poden atoparse na illa para evitar danos ambientais neste espazo.
Por este motivo, solicitou aos representantes veciñais e ao alcalde que se presente unha proposta por escrito, concreta e detallada, na que figuren os familiares aos que queren estender o dereito de acceso a Ons para que a Xunta estude as posibilidades. Tamén reclamou ao Concello unha certificación actualizada do número de veciños censados en Ons.
Belén do Campo tamén se comprometeu, a petición dos representantes veciñais, a estudar o número máximo de persoas que poderán pernoctar en cada unha das vivendas de uso residencial que se atopan no arquipélago
Relacionadas:
-
Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa
Por Redacción |
-
Cada 'colono' de Ons terá seis pases diarios para familiares ou amigos
Por Redacción |
-
Galicia, "absolutamente obsesionada" con que as Illas Atlánticas sexan Patrimonio da Humanidade
Por Alejandro Espiño |
-
A veciñanza da Illa de Ons reivindica ante a Xunta o seu dereito a acceder libremente ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez |
-
Todos os partidos políticos de Bueu secundan unha moción para reivindicar o libre acceso da veciñanza á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Bueu reclama que o cupo de visitantes a Ons non se aplique a residentes e as súas familias
Por Redacción |