Trasladan en helicóptero o condutor dun tractor polas feridas sufridas ao impactar contra un turismo en Cambados
Por Redacción
Un home de 64 anos, veciño de Cambados, resultaba ferido despois de que o tractor no que se trasladaba chocara contra un turismo na tarde deste martes na estrada EP-9002, á altura do polígono industrial de Sete Pías en Cambados, segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias do 112 Galicia.
O suceso producíase ao redor das 17.30 horas. Un particular alertaba ao 112 Galicia de que era necesaria asistencia para o condutor dun tractor que chocara contra un coche na parroquia cambadesa de Santo Adrián de Vilariño.
Desde a central informouse as ambulancias do 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Salnés, á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil de Cambados.
O persoal sanitario, unha vez no lugar do accidente, mobilizou o ferido ata unha estrada secundaria na ambulancia axudado polos integrantes do Punto de Atención Continuada de Cambados.
Unha vez que o condutor do vehículo agrícola foi estabilizado, o persoal médico confirmou a necesidade de que se utilizase o helicóptero para trasladar ao ferido ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela ante a gravidade das feridas que presentaba, segundo explicaron diversas fontes dos servizos de emerxencias que formaron parte da intervención.