Bueu organiza unha nova edición da Ruta das Tapas Cinco Estrelas
Por Redacción
Ata o 30 de xuño estará aberto o prazo para que os establecementos hostaleiros de Bueu se poidan adherir a unha nova edición da Ruta das Tapas Cinco Estrelas que organizará o Concello coincidindo coa celebración o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU).
Os locais hostaleiros que desexen participar, deberán indicar antes desa data o nome da tapa e o horario, ao correo electrónico silvia@concellodebueu.gal ou ao teléfono 986 39 00 29, así como tamén de xeito presencial no segundo andar do Concello.
Ao igual que o ano pasado, os participantes poderán obter un cupón con cinco estrelas en calquera dos establecementos, onde se irán selando cada unha delas por cada tapa consumida que, por certo, levará nome de película.
As rutas das tapas levan organizándose desde xa hai varios anos como unha fórmula para dinamizar a hostalería e ofrecer unha alternativa de ocio moi vinculada aos eventos culturais e deportivos.
Neste caso, a idea é facela coincidir co FICBUEU que se celebrará do 6 ao 15 de setembro, cun obxectivo de ofrecer unha oferta gastronómica paralela ao festival e así dinamizar a hostalería local.