A Deputación inicia por Sanxenxo o plan de conservación de firmes na zona do Salnés
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai iniciar este xoves a campaña do plan de conservación de firmes na zona do Salnés. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, o contrato permitirá mellorar unha vintena de estradas provinciais da comarca nas que se detectaron deficiencias, mellorando de xeito puntual treitos e áreas que están en mal estado con levantamentos, fochancas, fendas ou cuarteados.
As actuacións deste ano completan a planificación a catro anos vista que xa se iniciara o ano pasado.
A previsión é que este xoves se inicien as obras na EP-9206 Portonovo-Vichona, realizando un fresado e reposición de firme duns 5.000 metros cadrados de calzada. Os traballos comezarán pola zona de Sanxenxo, agardando rematar a finais da próxima semana. Cando o firme estea totalmente consolidado realizarase posteriormente o pintado da sinalización horizontal.
Hai que lembrar que o departamento de Mobilidade está a realizar unha batida de renovación da rede viaria por toda a provincia a través do novo contrato marco do plan de conservación, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para toda a provincia. Esta fórmula de contratación para realizar melloras de firmes supón unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias.
Dende o goberno provincial destacan que o novo contrato marco anual de conservación que se está a aplicar "supón na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias en calquera un dos firmes da rede provincial por parte do persoal da Deputación".
Dentro da extensa rede de estradas pertencentes á Deputación estableceuse unha división por zonas para acometer obras de reparación de firmes ao abeiro do acordo marco. A zona E comprende os concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa.
As actuacións desta campaña teñen un orzamento de 699.868,86 euros e un prazo de execución de catro meses.
Relacionadas:
-
A Deputación adxudica obras de conservación de firmes por valor de 2,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación acomete obras urxentes na estrada entre Portonovo e a Vichona
Por Redacción |
-
O goberno provincial leva a pleno a adxudicación do mantemento da súa rede viaria
Por Redacción |
-
A Deputación destinará máis de 33 millóns en conservación de estradas durante o próximos catro anos
Por Diego Espiño |
-
A Deputación destina 4,4 millones de euros á rehabilitación de firmes nas estradas provinciais
Por Redacción |