VÍDEO.- Un traballador resulta ferido grave en Marcón no incendio dun camión
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Unha persoa resultou ferida de consideración este mércores nun terreo industrial en Marcón próximo ao polígono do Campiño.
O traballador, veciño da Lama e condutor da empresa Nexia, viuse afectado polo incendio dun camión, dentro da propiedade, declarado por causas que polo momento se descoñecen ao redor das 20:15 horas.
O suceso produciu unha importante alarma na parroquia pola cortina de fume que se produciu e que foi visible desde varios quilómetros.
Por todo iso mobilizouse á súa vez un importante despregamento de emerxencias, con dúas unidades dos Bombeiros de Pontevedra, Policía Nacional, Policía Local e efectivos de Urxencias Médicas.
Ademais desprazouse ata o lugar o helicóptero medicalizado do 061 para atender ao traballador ferido ante a gravidade das súas lesións.
Finalmente, o ferido foi trasladado no propio helicóptero ao Complexo Hospitalario da Coruña, segundo informou o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
#AXEGAInforma que o traballador ferido no incendio dun camión finalmente foi evacuado en helicóptero ao CHUAC. As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias que orixinaron o lume que calcinou o vehículo por completo. pic.twitter.com/1PSiPpDSpH
— 112Galicia (@112Galicia) 29 de mayo de 2019