Todo listo para degustar codillo na Lama o domingo 9 de xuño
Por Redacción
A Festa do Codillo da Lama chegará o vindeiro domingo 9 de xuño á súa XIX edición co codillo estofado e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias como prato estrela un ano máis e cunha novidade en canto aos horarios. Adiantarase o inicio da venda da comida para evitar aglomeracións.
Así o anunciou este xoves o alcalde, Jorge Canda, con motivo da presentación oficial da festa. Compareceu acompañado por varios concelleiros e colaboradores habituais do Concello da Lama e ofreceu unha degustación do codillo estofado preparado coa mesma receita que se servirá o domingo 9 de xuño na Alameda.
A celebración atrasouse este ano ao mes de xuño para evitar coincidencia e politización da festa ao coincidir coa celebración das eleccións municipais, segundo explicou Canda.
O cambio de horarios realizouse por petición dos veciños, de modo que a apertura da caseta de servizo de racións do codillo producirase ás 13.30 horas co fin de axilizar ao máximo a súa repartición e evitar aglomeracións como as que sucederon na pasada edición.
Jorge Canda explicou que este ano se reforzará a organización e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición do case mil racións que se prevén para este evento gastronómico o máis numeroso da comarca Verdugo-Oitavén.
As racións véndense a 12 euros. Os tickets poderanse retirar de maneira adiantada nas oficinas municipais para evitar tamén aglomeracións e que a xente teña que realizar cola. Ademais do codillo estofado, o adquiriente do ticket ten dereito a un anaco de pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento que os comensais poderán levar como recordo.
A XIX Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola agrupación folclórica Os Catro Ventos e a Charanga 'Os Encerellados'.
Canda tamén animou aos comensais a que, unha vez gozado da festa, se acheguen a visitar os espantallos do Roteiro do Río Barbeira, unha exposición organizada pola Asociación Cultural Río Barbeira que estes días está a concitar a atención de centos de persoas que percorren este afluente do río Verdugo.
Relacionadas:
-
Unha Festa do Codillo de récord na Lama
Por Redacción |
-
A Festa do Codillo da Lama espera repartir mil racións
Por Redacción |
-
A Lama ampliará a Festa do Codillo para dar cabida a máis xente
Por Redacción |
-
A Festa do Codillo bate o seu récord de asistencia
Por Redacción |
-
Todo listo na Lama para unha Festa do Codillo que alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción |
-
A Festa do Codillo da Lama xa ten prato principal
Por Redacción |