Ferramentas para manexar as cinco emocións básicas
Por Redacción
Alegría, tristeza, medo, ira e asco constitúen as cinco emocións básicas que máis de 30 estudantes aprenden a recoñecer e manexar no curso Intelixentemente emocionais, unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría do campus e impartida pola responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade, Isabel Ferreiro, que busca dotar ao alumnado de "ferramentas practicas e vivenciais de sinxela aplicación" coas que traballar a súa intelixencia emocional.
Segundo explica o Diario da Universidade de Vigo, este curso de 15 horas de duración e estruturado en dúas xornadas, ten como propósito axudar a que os asistentes sexan capaces "de recoñecer as súas emocións, darlles un nome, para logo ser capaz de recoñecelas tamén nos demais e xestionalas e canalizalas dunha forma axeitada no seu día a día", explica Ferreiro.
Con ese obxectivo, esta proposta combina as nocións teóricas con actividades que, por exemplo, levan ao alumnado a pór un nariz de pallaso coa idea de "cambiar o estado de ánimo nun minuto".
"Unha persoa intelixentemente emocional éo en calquera ámbito, traballar a escoita activa e asertividade é algo que nos serve para o noso día a día", salienta esta experta en intelixencia emocional do propósito central dun curso que busca dotar aos participantes de ferramentas que lles sexan de utilidade tanto na súa vida diaria como na súa traxectoria académica e profesional.