A Garda Civil rescata a unha moza meca grazas ao "whatsapp"
Por Oskar Viéitez
O Whatsapp, esa popular aplicación de mensaxería instantánea para móbiles, converteuse no "salvavidas" dunha veciña do Grove.
Sucedeu na tarde do pasado venres, esta muller, de 32 anos, circulaba co seu coche en dirección a Ponferrada pola estrada Nacional 120. Á altura do Barco de Valdeorras atopouse a estrada cortada e viuse obrigada a tomar un desvío. Aquí empezaron os seus problemas.
Segundo informou a Garda Civil de Ourense, a condutora descoñecía que ruta seguir para chegar ao seu destino e decidiu probar sorte meténdose co seu coche por unha pista forestal. Minutos despois freou en seco porque se atopaba ante un precipicio.
Neste punto na Comandancia de Ourense recibiron a chamada da grovense porque non era capaz de dar a volta co seu vehículo para saír do bordo do terraplén.
"Por favor, díganos a súa localización exacta para poder auxiliala", solicitou a Benemérita unha pregunta difícil de responder para alguén que esta perdido.
O axente do instituto armado pronto atopou unha solución: a moza estaba chamando a través dun móbil smartphone "Ten vostede "whatsapp?", "Si" respondeu a condutora. Valéndose do sistema de mensaxería do seu teléfono no Instituto armado estableceron con precisión os datos xeográficos do seu paradero.
O resto da historia xa ten menos literatura unha patrulla de axentes do posto do Barco acudiu ao lugar marcado, localizou á moza no coche e conseguiu darlle a volta ao vehículo.