Turistas rusos tíranse ao mar tras unha festa na Toxa e mobilizan os servizos de rescate
Por Redacción
Acabar un día de festa tirándose ao mar non adoita ser unha boa idea. Que llo digan a un grupo de turistas rusos que, tras unha celebración na illa da Toxa, tiveron que ser rescatados ante as dificultades que tiñan para saír da auga.
O 112 Galicia alertou, sobre as once e media da noite, que estes turistas, que estaban aloxados no Gran Hotel de La Toja, decidiran bañarse no mar e tres deles, dous homes e unha muller, non eran capaces de saír da auga.
Ante esta situación, os servizos de emerxencia mobilizaron a Salvamento Marítimo, ao helicóptero Pesca I e a unha patrulleira da Garda Civil que se atopaba preto de Sanxenxo.
Pouco despois do primeiro aviso, dous dos turistas lograron chegar á beira polos seus propios medios pero o rescate mantívose activo porque quedaba por localizar ao terceiro bañista.
Ao final, esta terceira persoa tamén puido regresar á costa, despois de que un dos seus compañeiros se lanzara á auga para rescatalo.
Desde as autoridades alertan, especialmente coa chegada do verán, dos perigos de bañarse no mar durante a noite, xa que a ausencia de iluminación, a falta de reflexos ou un maior efecto das correntes mariñas poden provocar máis dun susto.