Montes de Lourizán, Ponte Caldelas e Cotobade serán 'liberados' de eucaliptos e acacias
Por Redacción
Máis de vinte entidades de carácter ecoloxista, cultural, veciñais e comunidades de montes volverán a celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente combatendo contra especies forestais exóticas ou invasoras como eucaliptos, acacias e mimosas.
Así, realizarán accións para eliminar estas árbores en espazos naturais de toda Galicia. No caso da comarca de Pontevedra, será en montes de Lourizán, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade. Nalgúns casos, completaranse coa repoboacións de especies forestais autóctonas.
O obxectivo desta deseucaliptización simultánea é, segundo os seus impulsores, resaltar os efectos negativos destas especies nos montes galegos e reivindicar outra forma de xestión forestal do monte, onde primen as especies forestais autóctonas, se preserve a biodiversidade, se diversifiquen as funcionalidades do monte e onde haxa un ordenamento real do territorio.
Cousas de Raíces, que coordina esta iniciativa, consideran que as especies exóticas invasoras erosionan o solo, desprazan as especies propias, favorecen os lumes forestais, afectan os recursos fluviais ou alteran a paisaxe, entre outras consecuencias ambientais, ademais de xerar elevados custos económicos para a comunidade de propietarios.
No caso de Cerdedo-Cotobade, a xornada terá lugar o 8 de xuño no Couto da Eirexiña, onde se desenvolve un proxecto de custodia do territorio que nace da man da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a comunidade de montes da parroquia de Rebordelo para a conservación do bosque autóctono e a biodiversidade.
En Ponte Caldelas, tamén ese mesmo sábado, A Rente do Chan dirixirá os traballos para deseucaliptizar, protexer e sinalar as árbores autóctonas nos montes de Gradín, A Insua e no IES de Ponte Caldelas. Neste último caso, alumnos e profesores custodian unha parcela de dúas hectáreas de monte comunal anexa ao centro educativo.
O domingo 9 será a quenda de Lourizán. Os traballos para retirar os eucaliptos, que coordinará a comunidade de montes, serán na área do Regueiriño.