Alumnas de Esdemga enchen de cor coas súas propostas a Casa Galega da Cultura
Por Redacción
África Abadín, Miriam Cartagena, Susana Fall, María Lázaro, Paula Malvar, Zaira Margae, Xoana Medraño, Atsuto Oda, Andrea Piñeiro e Nerea Rodríguez. Estas dez creadoras, alumnas do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda e do título propio de Estudos de Deseño Téxtil e Moda (Esdemga), amosan desde este venres ao público as súas propostas na mostra "1, 2, 3, escondite inglés ", que se poderá visitar ata finais do mes de xullo na Casa Galega da Cultura, en Vigo.
As preto de 40 pezas que integran a mostra, achéganse ao lúdico, ás veces, a través da súa dimensión máis inocente e infantil, e outras a través de creacións máis próxima á práctica deportiva.
Elaboradas con tecidos de algodón, lá, pezas de cestería, coiro, arame, cristal ou metal, as coleccións, nas que cor é protagonista, comparten a fascinación polo deporte e a súa estética.
"Apetecíanos moitísimo, había moitos proxectos que reinterpretan conceptos de base vinculados cun universo adolescente de relación co xogo, desde os puzzles, ao deporte, o universo dos colleges americanos…. e pareceunos interesante ver como eses universos vinculados ao lúdico impregnaban e servían de motor a moitas coleccións ", explica Lola Dopico, comisaria da mostra e directora do mestrado, que lembra, que a revolución da moda do século XX está totalmente relacionada co deporte.
Grandísimo talento, creatividade e capacidade e traballo, son segundo a comisaria da exposición, as características comúns das autoras das coleccións que integran "1,2,3, escondite inglés ", que asegura ten a intención de "amosar cousas frescas, de xente que se está a formar e que ten a oportunidade con 20 anos de non ter medida. Non son proxectos de industria, pero si o que a industria quere: frescura, risco… ", asegura Dopico.